Thursday 16 de May de 2024

Aberta a inscrición para unha nova andaina saudable por Viladonelle e Anca o domingo 12 de maio


O Concello de Neda vén de pechar o percorrido da andaina saudable do mes de maio. A ruta circular, prevista para o día 12, a partir das 10 horas, discorrerá por puntos das dúas parroquias de interior do municipio, Viladonelle e Anca. Dende hoxe se abre a inscrición telefónica ou presencial na biblioteca municipal.

O terceiro itinerario do ciclo neste 2024 terá inicio e meta nas inmediacións do local social de Viladonelle, e pasará pola igrexa de San André e máis polos lugares da Cheda, O Vilar, A Lobeira (estes dous últimos en Anca) e Porta da Pena, antes de regresar ao punto de partida.

Trátase dun percorrido de lonxitude menor que o das saídas precedentes (uns 7,3 quilómetros), pero máis complexo, polas subidas e baixadas pronunciadas que inclúe. Así, apuntan dende a organización, que a ruta é de dificultade media-alta.

A inscrición, totalmente de balde, farase nas instalacións da biblioteca municipal na Casa da Cultura ou chamando ao teléfono 981390233 (horario, de luns a xoves de 9 a 13 e de 16 a 20 horas, e os venres, de 9 a 14.30 horas. As prazas son limitadas.

O programa gratuíto de andainas saudables é unha das iniciativas municipais para favorecer a vida activa e contará, una vez máis, coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a Asociación de Veciños San Pelaio do Roxal, e a SCD Roxal.